sábado, 18 de novembro de 2017

O Xistral

Illustration Meum athamanticum0.jpg
Meum athamanticum
(wikipedia)

O topónimo XISTRAL atopámolo en varios puntos da xeografía galega, entre outros en Muras, Cervo, Fene,  Sarria, Palas de Rei e en Pol.

A priori, o sufixo -al xa nos leva a interpretalo como un lugar onde abunda a "xistra". A complicación resulta das varias aceptións existentes para "xistra". E enfecto, se revisamos os distintos dicionarios de galego atopamos varias acepcións (cf. Dicionario de Dicionarios):

  • a planta "pirixel de monte", de nome científico Meum athamanticum
  • variante de "xostra", xota, vara delgada (daí o termo "xistrazo", golpe con vara delgada).
  • Vento frío do norte con ráfagas de chuvia e neve.

A hipótese de abundancial de "xistra", no sentido da planta meum xa fora dada por Sarmiento para este topónimo. Sarmiento menciona o topónimo Xistral como "Sistral" no século XVIII ("Acaso de ahí el monte Sistral" -- cf. M. Sarmiento (1754-1758): Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, ed. de J. L. Pensado (1986).

Por outro lado, Corominas tamén ten analizado "xistra", aínda que na acepción de "vento frío" (cf. DCEH s.v. "hielo").

Navaza  inclúe o topónimo Xistral na súa obra de "Fitotoponimia galega", recollendo todas as interpretacións indicadas, aínda que sen se decantar por ningunha delas.

Unha revisión polo miúdo na toponimia do concello de Muras dános as chaves para  unha interpretación segura dabondo. En particular dous topónimos : 
1)  "A Camposa da Xistra" (na Balsa). Sendo unha camposa, interpretar que tivese moito "meum" é doado, pois esa planta "é unha planta de pastizais, que moitas veces se atopa na pedra caliza, nos distritos montañosos de Europa Occidental e Europa Central. Por outro lado, unha camposa chea de xostras sería estraño.
2)  "Entrelosxistrás" (no Viveiró): un lugar situado entre xistrais é practicamente imposíbel interpretalo como que estea entre "conxuntos de ventos fríos".

Así, os dous topónimos permétennos, por descarte das demais, coa acepción de 'lugar onde abunda a xistra, o "meum" '.

Por outra banda, aínda que  E. Rivas recollese para "xistral" a acepción de "canteira de xistra ou lousa" (cf. Frampas), esta acepción documentouna soamente en Terra de Queixa (Ourense), nun lugar concreto da xeografía galega, relativamente lonxe de Muras, polo que a cremos non aplicable ao caso que nos ocupa.

Hai un dicionario que tamén recolle para "xistra" outra planta, a chamada cancereixo ou capudre (Sorbus aucuparia, cf. E. Losada, J. Castro e E. Niño, 1992. "Nomenclatura vernácula da flora vascular galega)". Non estando en ningún outro dicionario, entendemos que é unha acepción pouco extendida e, por tanto, debemos descartar que se aplicase a todos os Xistrais mencionados da xeografía galega.

Finalmente, indicar que rexeitamos a interpretación de Cabeza Quiles  como variante de "Xestal" (cf. p. 437 de "Os Nomes da Terra"): co maior respecto para Cabeza Quiles, cremos chega con notar a mención de Sarmiento de figurar como "Sistral" no século XVIII, para abandonar esta hipótese.

venres, 26 de maio de 2017

Publicación de estudo sobre Toponimia de ORTIGUEIRA

Como parte do traballo de posta en valor da riqueza toponímica galega, e formando parte da serie sobre a Toponimia da Mariña e do Ortegal, foi un pracer estudar e finalmente publicarmos un estudo da Toponimia de Ortigueira.

Atópanse unha chea deles de grande interese, como poden ser:
- prerromanos como LUÍA e LUAMA,  da serie que inclúe tamén LUAÑA, LUACES, LUOU, LUEIRO, LUARCA, etc.
- nomes de posesor, como BELUZ e MUCRÍN
- xentilicios como BARBOS
- célticos como os famosos CÉLTIGOS e  CALLOBRE
- O interesante abundancial FECELLIDO
- COUZADOIRO e CABRADOIRO, sen relación etimolóxica.
- XEDRIZ, curmao do XERDIZ de Ourol.

Para máis detalle, ver >>> aquí.