domingo, 26 de xuño de 2016

Langoira e Langullo

O topónimo LANGOIRA, existente en Xove, Burela, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego longo" ou "rego da encosta".
Langoira - Petróglifo (foto de MariñaPatrimonio)

O elemento inicial  "lang-" en vez de "long-" permite rexeitar unha orixe latina, e  derivaría da raíz indoeuropea (d)longh- 'longo', do cal deriva tamén o latín o adxectivo galego "longo".  Para F. Villar, tería orixe paleoeuropea, en canto que para B. Prósper tamén podería ter orixe celta. Cf. p. 134 de B. Prosper "Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica". 2002.
No entanto, Prósper inclínase máis ben por outra orixe hidronimica, baseándose nunha alternancia -nk-/-ng-, e postula unha forma *lonka, da que procederían apelativos como o lituano lankà 'vale pequeno', o letón lanka  'pantano', ou lanca 'depresión no terreo, pantano' usado nos Alpes italianos.
Esta interpretación semella coherente coa situación dos topónimos: caso da Langoira de Xove, está situado ao pé do embalse de río Covo, e por tanto nunha zona de desnivel, que estaría ao pé do río. Canto á "Langoira" de Sarria, tamén está ao pé dun desnivel importante do terreo.

Canto ao segundo elemento -oira, derivaría da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta orixe é sostida por autores como E. Bascuas, que a asigna a topónimos como o río Ouro, antigamente documentado como AurioO topónimo "As Oiras" (Alfoz) parece confirmar esta hipótese e desbotar a interpretación que algúns autores teñen feito de -oira como sufixo.

En conclusión, interpretando como derivado de *(d)langh-, "langoira" referiría un "rego longo", en canto que seguindo a Prósper, "Longoira" significaría algo semellante a "rego do pantano" ou "rego do valiño".
Este "Langoira" está ao pé dun pequeno encoro, o que confirma a presenza tanto do desnivel como do río, e de modo similar ocorre coas outras "Longoira", como a de Samos, ou o "río da Longoira" en Sarria.

É interesante a comparación co topónimo "LANGULLO" en Manzaneda (Ourense), que se encontra tamén ao pé dunha zona en desnivel. No caso de Langullo, trataríase doutra combinacion da raíz *langh- coa forma hidronímica ullo, derivada da raíz indoeuropea *wel- 'xirar', estudada entre outros por Bascuas. Cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"
Xa que logo, vemos que os topónimos "Langoira" e "Langullo" se confirman e explican mutuamente, tanto semántica como morfoloxicamente.

 Voltando para Langoira, a explicación deste topónimo encaixaría tamén para os topónimos "Longoira", que posibelmente terían mudado de "Langoira" para "Longoira" por atracción do adxectivo "longo", ou ben se trataría un híbrido romance-prerromano, o cal acontece noutros moitos casos.

Probabelmente esteamos tamén coa mesma raíz nos casos de topónimos como "A Langrota" en Boqueixón, ou "As Langorzas" en Palas de Rei.
O caso de "A Langrota", moi probabelmente derivado de "Langarota" é significativo, por conter os sufixos -aro e -ota, típicos na toponimia prerromana.

Finalmente, o que si é claro é a presenza humana antiga en Langoira de Xove, onde foi atopado un petróglifo reticular (cf. Mariñapatrimonio). É curiosa a aparente correlación, en moitos topónimos, dunha orixe prerromana con elementos prerromanos tales como castros ou petróglifos.