domingo, 8 de maio de 2016

Collendo na Piaguda fóra dos piagos

Aínda non sendo este un artigo de toponimia, non  podíamos deixar a "piaguda" enterrada na lama. 
A piaguda, miñoca de mar, é nome común da Mariña luguesa para a Nereis diversicolorcoñecida como eficaz cebo para a robaliza e para o munxe.

O apelativo "piaguda", tan sonoro, semellaría a primeira vista relacionado con "piago", topónimo frecuente para ríos e zonas costeiras.
Un "piago" (tamén "peago", "pego"), do latín pelagus 'pozo',  é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. Foi definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945. Nos antigos tempos dos teares e do liño, por veces tamén eran chamados peagos os lugares onde mergullaban o liño.


Volvendo coa piaguda,  o sufixo -uda (latín -uta) é coñecido que actúa  xerando adxectivos aumentativos, tais como "narigudo" 'con moito nariz', "bicudo 'con moito bico', peludo 'de moito pelo', e así "barbudo, forzudo, teimudo e centos doutros. 

Piaguda, "Nereis diversicolor".
O hiato que contén (pronuncia pi-a-gu-da) suxere a antiga presencia dunha consoante intermedia, fose -l-, -n-, -d-, ou -g-, entre outras. En particular, cremos plausíbel supoñer un -d- intervocálico, que indicaría unha forma adxectival latina *pedicuta  'con moitos pés'. 
Xa que logo, "piaguda" viría de "(miñoca) piaguda", "miñoca con moitos pés". En efecto, unha das diferenzas coa  miñoca de terra é que a piaguda tén unha forma de "cempés".

A evolución tería sido pedicuta > peeguda > peaguda > piaguda, coa perda do -d- intervocálico e sonorización do -t-, seguida pola disimilación -ee- > -ea- e finalmente un peche da vogal átona inicial (igual que con peago > piago).