domingo, 26 de xuño de 2016

Langoira e Langullo

O topónimo LANGOIRA, existente en Xove, Burela, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego da valgada" ou "lugar da valgada".
Langoira - Petróglifo (foto de MariñaPatrimonio)

O elemento inicial  "lang-" en vez de "long-" permite rexeitar unha orixe latina. Aínda que podería derivar da raíz indoeuropea (d)longh- 'longo', donde deriva tamén o latín o adxectivo galego "longo", examinando os distintos "Langaoira" e "Langoeira", cremos que derivaría máis ben da raíz  *lengh-  'dobrarse; abanearse' (cf. p. 676, Pokorny, IEW). 
Para esa orixe apunta tamén Blanca Prósper quen, baseándose nunha alternancia -nk-/-ng-,  postula unha forma *lonka, da que procederían apelativos como o lituano lankà 'vale pequeno, depresión', o letón lanka  'pantano', ou lanca 'depresión no terreo, pantano' usado nos Alpes italianos (cf. p. 134 de B. Prosper "Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica". 2002). Con todo, tamén indica que podería ter orixe celta.
En conclusión, interpretando como derivado de *leng- (cf. p. 676, Pokorny, IEW),  seguindo a Prósper, "Longoira" significaría algo semellante a "rego da valgada" ou "lugar do valiño". 
Se analizamos a situación dos topónimos "(A) Langoira" e "Langoeira" existentes, vemos que esa interpretación de 'valgada' semella coherente: no caso da Langoira de Xove, está situado ao pé do embalse de río Covo, e por tanto nunha zona de desnivel, que estaría ao pé do río. Canto á "Langoeira" de Sarria, tamén está nunha valgada, ao pé dun desnivel importante do terreo. O mesmo acontece con "A Langoira" de Samos, tamén unha valgada do terreo.
interpretación deste topónimo encaixaría tamén para os topónimos "Longoira", que posibelmente terían mudado de "Langoira" para "Longoira" por atracción do adxectivo "longo".

Canto ao segundo elemento -oira, podería tratarse dun sufixo, ou talvez derivar da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta orixe é sostida por autores como E. Bascuas, que a asigna a topónimos como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio

É interesante a comparación co topónimo "Val de LANGULLO" en Manzaneda (Ourense), coa presenza no topónimo de "Val de", reforzando a interpretación indicada. A forma langullo inclúe un sufixo diminutivo/despectivo (presente tamén nos topónimos "Soutullo", "Montullo", etc). Tamén atopamos  "A Langrota" en Boqueixón,  derivado de "Langarota", así como "As Langorzas" en Palas de Rei. O caso de "A Langrota", é significativo, por conter os sufixos -aro e -ota, típicos na toponimia prerromana. Tamén "O Langüello" do Pino, posiblemente a partir dun antigo *Langonell(u)m, co sufixo -on, frecuente na hidronimia prerromana, seguido do sufixo latino -ellu(m).

Finalmente, o que si é claro é a presenza humana antiga en Langoira de Xove, onde foi atopado un petróglifo reticular (cf. Mariñapatrimonio). É curiosa a aparente correlación, en moitos topónimos, dunha orixe prerromana con elementos prerromanos tales como castros ou petróglifos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario