domingo, 13 de marzo de 2016

Cabos ORTEGAL e ORTABADE


(a seguir,  copia revisada dunha sección dun artigo sobre a Toponimia de Cariño, publicado o ano pasado na revista "Terras do ORTEGAL", #2)

Na procura da orixe dos topónimos, non todo é o que parece. O caso de "Ortegal" podería ser un bon exemplo. 
A etimoloxía de “Ortegal” é polo xeral derivada do latín urtica, co sufixo abundancial -ale, indicando ‘lugar onde abundan as ortigas’. Tería, por tanto, o mesmo significado que “Ortigueira”, de Urticaria, neste caso co sufixo abundancial -aria.

No entanto, podemos atopar outra interpretación igualmente plausible,  ou máis. En efecto, se reparamos na existencia do veciño cabo “Ortabade”, cremos que tanto “Ortabade” como “Ortegal” poden compartillar unha etimoloxía, a partir dun tema prerromano *ort- ou *urt-. Deste tema derivarían tamén outros topónimos como “Ortoño” (Ames), cun sufixo -oño que,  polo xeral, é ligado á toponimia de orixe prerromana.

En efecto, este tema *ort- ou *urt- foi estudado por E. Bascuas, que o asociou coa hidronimia paleoeuropea, como forma derivada da raíz indoeuropea *er- ‘moverse’, con alongamento en -t-. Desta forma derivou topónimos como o río Orza < *Ortya, afluente do Deza, así como a coruñesa praia do Orzán (BASCUAS, 2002, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega":109).

Cabo Ortegal  [fotografía de Pablo Teo]
O topónimo “Ortegal” podería interpretarse como composto do comentado *ort-, seguido do recorrente tema prerromano *kal(l)- ‘rocha, rochedo’, da mesma orixe que xeralmente é atribuída a “Portugal” ("Portu Cale") e a"Callaecia",  ou incluso certos topónimos “Galiñeiro” (ver "A Moura dos Gallos"). 
Así, podemos aventurar unha interpretación para “Ortegal” como “rochedo no que bate forte a auga”, aínda que outras interpretacións sexan igualmente probables, en liña coas existentes para o mencionado topónimo “Portugal”, e que precisaría de moitas páxinas para comentalo en profundidade.

Canto a “Ortabade”, podería hipotetizarse como composto a partir do comentado *ort-, seguido da raíz indoeuropea *ap- ‘auga’ ou, alternativamente, da raíz tamén indoeuropea *aw- ‘fluír’. Ambas as dúas *ap- e *aw- abundan na hidronimia paleoeuropea. Da mesma posible orixe, Bascuas derivou o topónimo “Abedes” -afluente do Támega- como *Abĕtens, con base na citada raíz *aw-. Asemade, igual raíz postulou para “Abedela”, afluente do Limia (BASCUAS, 2002:176-177).
Tendo en conta o anterior, aventuramos interpretar “Ortabade” como “lugar onde a auga bate”. 


As dúas interpretacións indicadas, que esperamos non sexan "urticantes", obviamente, non deixan de ser unhas entre as moitas posibles interpretacións. Deixamos para outra ocasión a relación co xentilicio “Artabri”, que autores como Bascuas derivan do coincidente tema paleoeuropeo *art-, orixinado na mesma raíz indoeuropea *er- (BASCUAS, 2002:65-69).