sábado, 1 de marzo de 2014

Os topónimos Telandriz e Lamateimil

Estudando o topónimo "Teladriz" (Sargadelos, Cervo) topámonos co elemento "Tei". 

Postulamos para "Teladriz" unha orixe en *"Tei Ledriz", onde "Ledriz" sería a forma evoluída de Leoderici, o xenitivo de Leodericus, nome de orixe xermánica, .. e precedido do elemento "Tei", que interpretamos como "lameiro".

Este controvertido elemento "Tei" está presente en topónimos galegos, maiormente no sur de Lugo, aínda que non restrinxido a estas áreas.
Este elemento "Tei", frecuentemente ligado a formas en xenitivo, tanto de orixe xermánica (Teimende, Teibalte, etc), latina (Teivente, Teilalle, etc), e  árabe (Teicide), foi estudado en detalle por E. Bascuas, quen lle asignou unha orixe na forma paleoeuropea *tag-, cun significado parecido a "lameiro", e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreter, fluír lentamente'. Cf. p. 66 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Por outro lado, é de remarcar que o nome completo deste topónimo é "Prado de Teladriz", co apelativo "prado", que parece reforzar a interpretación de "lameiro" dada por Bascuas.
Deste modo, cando o termo "tei" 'lameiro' chegou a ser opaco, ao topónimo foille añadido "Prado de", significado que xa antes aportaría "tei". Ou sexa, que realmente significaría algo como "prado de prado de Leodoricus", unha tautoloxía.

É moi suxerente tamén reparar no topónimo "Lamateimil" (Chorente, Sarria), de "lama tei-Miri". Seguramente non fose coñecido por Bascuas, senón posiblemente o tería incluído no seu estudo, xa que claramente reforza a hipótese "tei"=lameiro, e parece outra nova tautoloxía , con "lama"+"tei".   De novo, cando o significado de "tei" se tornou opaco, ao topónimo foille añadido "Lama".

En resumo, dous topónimos que parecen incluír o elemento "tei", e que parecen reforzar a hipótese de Bascuas de *tage >"tei"="lameiro".

Por outra banda, non podemos deixar de mencionar tamén a interpretación parcialmente alternativa que para "tei" fai Cossué, partindo do estudo de Bascuas e derivándoo como un celtismo, co significado de "casa" (cf. aquí).


2 comentarios:

  1. Parabéns polo blogue!!
    Há uma outra hipótese sobre o prefixo tei- em tantos topônimos e é que seria "casa", teito, do proto-indo-europeu *(s)teg-

    ResponderEliminar
  2. Ola O, moitas grazas polos teus comentarios.
    Como indico, a etimoloxía é controvertida. No referente á hipótese de "*(s)teg-", está ben explicada na referencia que dou de Cossué no último párrafo. No entanto, eu inclínome máis pola hipótese de Bascuas (ver páxina 66 e subsecuentes. de "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006)
    Ademais dos potentes argumentos que dá Bascuas, creo importantes os dous novos argumentos que aporto para reforzar esa hipótese : 1) a existencia dun topónimo "Prado de Teladriz", cun "prado" diante, claramente en liña coa hipótese de "lameiro" de Bascuas e 2) que tamén existe un "Lama-teimil" en Sarria, novamente reforzando a idea de "lameiro". Sumando estes datos ao feito de que se o significado fose o de "casa" se trataría de núcleos de poboacion, e algun deles se tería conservado, o cal non ocorre, coido que a hipótese de tei- < *tagi- parece a máis forte e probábel. Obviamente, segue sendo apenas unha hipótese.
    Saúdos.

    ResponderEliminar