domingo, 5 de xaneiro de 2014

Zaipa Mirakhi

Na parroquia de Miraz (Xermade),  atópase A ZAIPA, atractivo e particular topónimo, que non parece ser de berce latina. Alén de "Zaipa" encóntrase, ademais, a "medoña da Zaipa" así como o "Rego de Zaipa".

Poderíamos pensar nunha orixe no xermánico sala, posible orixe dos "Saa" e "Sá" galegos, ainda que apenas chegamos a ningures por esta vía. 
Por vía latina tampouco chegamos a ningures, logo pola via Appia vaiamos mais atrás no tempo: Zaipa pode derivar dun termo prerromano *Sal-ap-p-ya 'charca, arroio da charca, lagoa'. Encaixa, pois tanto a raíz indoeuropea *sal- 'sal, auga estancada' como a raíz *ap- 'auga, río' están razonablemente representadas na nosa toponimia (así por exemplo Seaia <*Sel-awia, Salime <*Sal(l)-ime).
A evolución de *Salappya para Zaipa non presentaría problemas, incluíndo a evolución s- > z-, que aconteceu en moitos outros casos (zaramago, zugar, ..).

Afortunadamente, o Nomenclator rexistra en Barreiros un "Zapia", e ao rente del "A Veiga de Zapia" (Ribadeo), que parecen aliñarse coa hipótese hidronímica. Neste caso, Zapia preservou o ditongo de -apia sen metáteses,  o cal é relativamente común naquela zona.

Estaría relacionado coa antiga cidade de Salapia, na Puglia italiana, a cal foi citada por Pokorny e interpretada do mesmo modo. Atopamos tamén atestado "Salappio" en Italia, totalmente correspondente coa orixe postulada para "Zaipa", apenas mudando o xénero.

En resumo, a derivación de *Salappya,encaixa tanto fonética como semanticamente, e é coherente e aliñado con outras ocorrencias similares. 

É interesante o topónimo Sarapia, en Trabada, ao pé do río Eo, que xunto á forma -apia, esta vez tén o elemento "Sar-", tamén frecuente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.  Están, por tanto, estreitamente relacionados, e semellan explicarse mutuamente.

É atractivo pensar que algún dos "Rego de Sapo(s), moi frecuente na toponimia galega, puido tratarse dunha reformulación dunha forma prerromana Salapp-, a mesma raíz que tería Zapia.

Outros Topónimos similares

É interesante tamén notar o topónimo "Zapicos" na Rigueira (Xove), que corresponde a unha zona de prados, non ben lonxe do comentado "Zapia" en Barreiros (porén, neste caso podería indicar unha pertencente a unha familia apelidada Zapico).

Tamén é importante reparar na existencia de "A Zalaroia", un núcleo de poboación na parroquia de Momán. No caso de Zalaroia tamén podemos aventurar unha orixe en *sal(l)-ar-owia, composto que incluiría a mesma raíz *sal-, xunto con "*aroia", que viría tamén dun elemento hidronímico paeloeuropeo, neste caso *ar-u-, estudado por Bascuas (cf. p. 4de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Neste caso, dáse unha xeminación do "-l-", o que non ocorre no supradito "Zaipa".

Ningún comentario:

Publicar un comentario