domingo, 9 de novembro de 2014

A Moura dos Gallos

Presentamos algúns topónimos para os que non tíñamos atopado referencias publicadas, e que poderían vir do recorrente tema prerromano *kal(l)-, nun senso de "rocha, rochedo", e por tanto da mesma orixe xeralmente atribuída a "Gallaecia" e a "Portu Cale", así como ao apelativo "callau" (do celta caliavo) . 

Por outra banda, os dicionarios rexistran para "galleta" a acepción de "forcada", e para "gallo" a de "rama ou pau bifurcado", derivándoos do latín vulgar galleu 'a modo de galla do carballo' (cf. DCECH). Ás veces danse interpretacións destes topónimos neste sentido de "bifurcación", o cal non cremos que sexa o caso en xeral, senón que cremos seren derivados da raíz prerromana supradita.

Se reparamos nos topónimos "A Galleta", fixámonos que todos eles se rerefen a lugares rochosos na costa. Así, atopamos "A Galleta" en Burela, Arteixo,  e varios en Ferrol e en Ribeira, onde tamén aparece "As Galletas". Alén diso, atopamos un "Os Galletos" en Cariño; en Cedeira atopamos unha parella de pequenos illotes costeiros chamados "A Moura dos Gallos" e "A Cuncagada dos Gallos".
O Galleiro (Vigo)
Asemade, atopamos "Os Galleiros" en Xove e en Ferrol, tamén zonas de costa rochosas, aínda que haxa outros "Galleiro(s)" en zonas do interior.
Xa menos frecuentes,  novamente correspondendo a lugares rochosos costeiros, encontramos "O Gallín" (Ribadeo),  "Ronca das Gallas" (Burela), e talvez tamén "As Nigalliñas de Terra" (O Grove).


Xa pasando a lugares terra adentro, atopamos outra serie de topónimos que non encaixan nun significado de "bifurcación", tais como "O Penedo dos Gallos" no Páramo, o "Monte Gallo" (Palas de Rei), cun penedo claramente visible. Así mesmo, están "O Coto Gallado" e  "O Coto Galludo" en Lousame, "A Gallosa" (Oza dos Ríos) co sufixo abundancial, "Os Galliños" (Muras) nunha zona de monte con penas, o mesmo que "O Chao dos Galleiros" en Muíños, así como "O Galleiro" en Vigo, etc.


Outros topónimos como "O Gallete", "O Gallón" e "Os Gallós",en Muras, igual que "O Rego Galludo" (Ambosores) que tén un compañeiro "As Gallas do Rego" en Xermade. Todos eles semellan esta mesma orixe, mais non temos confirmación visual.
O mesmo ocorrería, polo menos nalgúns dos casos , cos frecuentes topónimos "Galiñeira" (encontramos polo menos 26 en Galicia), "Galiñeiro", "Galiña", como é o caso do cantil rochoso "Punta Galiño" (Xove) e "O Petón do Galiñaceiro" en Muros.

Non pasamos sen mencionar "Callaecia" ou "Porto Cale", aos que se lle atribúe a mesma orixe, así como Callón (en Laracha e en Mañón) e Callobre en Miño (cf. e.g. Cabeza Quiles, "A Toponimia de Galicia", 2014).

É interesante reparar que se conserva viva a versión asturiana destes nomes: X. L. García Arias identificou gayu 'saliente rochoso', que tería a mesma orixe e significado (cf. aquí). Hai tamén un "La Gayuda", uns penascos costeiros perto de Xixón, para a que non concordamos coa interpretación de referilos ao animal gayu 'galo' (cf. aquí).

Por outro lado, si que semellan ter unha etimoloxía latina todas ou parte das múltiples "Pena Gallada",  nun senso de "fendidas, partidas en dúas" -  sería preciso confirmar visualmente.

sábado, 1 de marzo de 2014

Os topónimos Telandriz e Lamateimil

Estudando o topónimo "Teladriz" (Sargadelos, Cervo) topámonos co elemento "Tei". 

Postulamos para "Teladriz" unha orixe en *"Tei Ledriz", onde "Ledriz" sería a forma evoluída de Leoderici, o xenitivo de Leodericus, nome de orixe xermánica, .. e precedido do elemento "Tei", que interpretamos como "lameiro".

Este controvertido elemento "Tei" está presente en topónimos galegos, maiormente no sur de Lugo, aínda que non restrinxido a estas áreas.
Este elemento "Tei", frecuentemente ligado a formas en xenitivo, tanto de orixe xermánica (Teimende, Teibalte, etc), latina (Teivente, Teilalle, etc), e  árabe (Teicide), foi estudado en detalle por E. Bascuas, quen lle asignou unha orixe na forma paleoeuropea *tag-, cun significado parecido a "lameiro", e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreter, fluír lentamente'. Cf. p. 66 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Por outro lado, é de remarcar que o nome completo deste topónimo é "Prado de Teladriz", co apelativo "prado", que parece reforzar a interpretación de "lameiro" dada por Bascuas.
Deste modo, cando o termo "tei" 'lameiro' chegou a ser opaco, ao topónimo foille añadido "Prado de", significado que xa antes aportaría "tei". Ou sexa, que realmente significaría algo como "prado de prado de Leodoricus", unha tautoloxía.

É moi suxerente tamén reparar no topónimo "Lamateimil" (Chorente, Sarria), de "lama tei-Miri". Seguramente non fose coñecido por Bascuas, senón posiblemente o tería incluído no seu estudo, xa que claramente reforza a hipótese "tei"=lameiro, e parece outra nova tautoloxía , con "lama"+"tei".   De novo, cando o significado de "tei" se tornou opaco, ao topónimo foille añadido "Lama".

En resumo, dous topónimos que parecen incluír o elemento "tei", e que parecen reforzar a hipótese de Bascuas de *tage >"tei"="lameiro".

Por outra banda, non podemos deixar de mencionar tamén a interpretación parcialmente alternativa que para "tei" fai Cossué, partindo do estudo de Bascuas e derivándoo como un celtismo, co significado de "casa" (cf. aquí).


venres, 17 de xaneiro de 2014

A Pena do Retorno, o Torno, a Torna e a Bitorna

Será que o topónimo "A Pena do Retorno" apunta para algunha lenda presente á hora de batizar o penedo??.

Ao analizar "Retorno", reparamos na frecuencia alta de topónimos "Torno", "Torna" e "Retorno" en toda a comarca e en toda Galiza. 

Os tornos e as tornas
Á parte de casos excepcionais,  a maioría dos "torno" nada teñen que ver con "turno", senón que estarían asociados ao significado de "espita", "chorro forte de auga". Estas acepcións están recollidas nos dicionarios galegos e portugueses (cf. aquí  aquí).

É doado confirmar ese sentido hidronímico observando a toponimia: "Fonte do Torno",  "Fonte da Torna","Fonte das Tornas", "Fontetorne", "A Torna da Auga", "A Torna da Rega", "Poza do Retorno" e "Ponte do Retorno". Hai tamén un "A Fonte dos Sete Tornos", que parece confirmar o sentido de "espita". 

Aínda que J. L. Pensado e outros relacionan os topónimos "torno" e "torniello" co apelativo "turno" 'rolda, vez' (cf. aquí), cremos que se pode descartar esta interpretación: encaixaría nalgúns casos, por exemplo os turnos de regar prados, mais non coas "Fonte da Torna", por exemplo.

Etimoloxía
Bascuas, ao analizar os derivados da raíz indoeuropea *ter 'frotar, atravesar', trata o tema *tur-,  tamén na súa combinación co sufixo *-no-. Con todo,  móstrase moi cauto, dicindo que "é posible que algún dos 'torno' deriven dun prerromano *turno" (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006. caps. 130.1, 130.2). Cita o caso dun "Torno" xa rexistrado no ano 942 en Lobios (Ourense).
Pola súa banda, Francisco Villar agrupa a maioría dos *tur- como procedentes dunha raíz *ter- 'frotar' (cf. p.235 de F. Villar. "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana". 1995). Villar soamente presenta o exemplo de "Torna del Agua" en Ávila (cf. p. 218. Bascuas. ibid.), sen profundizar máis e sen incluír casos galegos. 

Pokorny distinguiu dúas raíces *ter-, unha co significado de 'frotar' e outra co de 'atravesar', en canto que Krahe asociaba todos os hidrónimos europeos Tar- cunha raíz única *ter- 'rápido, forte'.

Dentro da nosa humilde opinión, o significado de "atravesar" parece confirmado, tanto na acepción de "espita", cando atravesa o barril como na acepción de "furar" unha canle ou represa para que saia a auga a chorro. Outras palabras da mesma raíz indoeuropea, como "trade", "tarabilla", "traza" (polilla) parecen confirmar este significado de "atravesar", incluso "tarozo" (por "atravesar a espiga", ou "o que queda despois de roída"). Por outra banda, o significado de "rápido, forte" que apontaba Krahe tamén están reflexados, incluíndo a acepción de "chorro" que cita o dicionario, e obviamente tamén a saída da auga/viño polo "torno" (espita).

Retorno e Retorna
Os topónimos "O Retorno" xa semellan máis complicados. Poderían provir nalgúns casos de "río Torno", como ocorre con outros topónimos "Re-" como "Reirado". Porén, hai máis de 200 topónimos "Retorno", co cal semella moi difícil que todos proveñan dun"río Torno". Hai tamen varios "A Retorna", en femenino, que dificilmente encaixaría con "(o) río Torna"".
O que sí parece é que os "Retorno" son tamén hidrónimos: alén de  "Poza do Retorno" e "Ponte do Retorno", outros moitos son en zona de veigas ou de prados. Cremos, portanto, que este elemento "re-" pode corresponder cun elemento enfático, o mesmo ou similar ao existente no céltico, e que comentaremos noutra entrada de blogue

Outros: as torneiras e a Bitorna
Lembro de primeira man o uso do apelativo "troneiras", referidas á rede de canos de distribución da auga polos prados. Esta forma sería variante de "torneiras", que X. L. Franco Grande inclúe no seu dicionario como "derivaciones de un riego para regar un árbol". Bascuas recolle un "agro tornario" nun documento de 1009 (cf. p.218. Bascuas. ibid.) ... e indica que o documento fala dun agro localizado nun entorno de dous muíños, o cal parece reforzar que a palabra que mencionamos foi "torneira" e, por tanto, totalmente relacionada con "torno".

Por non extendérmonos máis, finalizamos coa "Fonte da Bitorna", aparentemente "bi-torna", con dous 'caños'. Con moita imaxinación, podemos pensar que a fonte xa se tivese dous "tornos" antes de chegar os romanos, e que este prefixo bi- corresponda co prefixo céltico *bi, co mesmo significado que no romance. 

luns, 6 de xaneiro de 2014

As COSTOIRAS que non son costas

Na Mariña atópanse varios "Costoira", como en Cervo, en Lago (Xove), en Alfoz, en Foz, en Valcarría (Viveiro), etc.

O termo "costoira" non tén relación con "costa" senón que cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', '
posto de observación'. A evolución fonética non presenta maiores problemas. O mesmo caso ocorrería coa variante "costoura". Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia, e que "engaramallaron" un pouco a cousa, como veremos.

Primeiramente, tanto Sarmiento como J. M. Piel derivaron "Costoira" de custodia, basándose en varios casos de "costoira" e "costoura" documentados na Idade Media como Custodia (e.g. en Pedrafita "Petra Custodia", actual "Paracostoira"). O profesor Piel defendía a evolucion custodia > costoia > costoira,  como unha  “mera substitucão espontánea do elemento -oia .."... mais esta evolución dábanos un pouco de vértigo.

Por outro lado, hai unha chea de topónimos en -oira que non teñen explicación sinxela, tais como Fontoira, Valoira, Riboira, Portouro, Montouro (en Portugal xeralmente coa variante -oura) . Dáse o caso de atoparse documentalmente "Fonte Aurea", que Almeida Fernandes desbota como “mero eruditismo tabeliónico” . Porén,  outros autores interpretan certas terminacións -oira, -oiro como provintes dun paleoeuropeo *auria / *aurio, o cal non ten porque ser incongruente con que no caso "Costoira" teña outra orixe, mais creaba dúbidas tamén para o caso que nos ocupa.

De volta para "costoira", a vantaxe de internet dános acceso a transcricions de documentación antiga castelá, na que se atopa "Custiera", que se pode interpretar como ‘atalaya’. Así, F. García Andreva cita varios casos, por exemplo"Alia vinea de illa custiera de Faia Abolvalitez" (c. 1010). Cf. aquí 
Finalmente comentar que na documentación emilianense do século XIII está rexistrado "custidiera" (cf. GARCÍA TURZA, Claudio; GARCÍA TURZA, Javier (1996): "Una nueva visión de la lengua de Berceo a la luz de la documentación emilianense del siglo XIII", Logroño. Páx. 161-162). Isto parece reforzar definitivamente a hipótese inicial.


domingo, 5 de xaneiro de 2014

Zaipa Mirakhi

Na parroquia de Miraz (Xermade),  atópase A ZAIPA, atractivo e particular topónimo, que non parece ser de berce latina. Alén de "Zaipa" encóntrase, ademais, a "medoña da Zaipa" así como o "Rego de Zaipa".

Poderíamos pensar nunha orixe no xermánico sala, posible orixe dos "Saa" e "Sá" galegos, ainda que apenas chegamos a ningures por esta vía. 
Por vía latina tampouco chegamos a ningures, logo pola via Appia vaiamos mais atrás no tempo: Zaipa pode derivar dun termo prerromano *Sal-ap-p-ya 'charca, arroio da charca, lagoa'. Encaixa, pois tanto a raíz indoeuropea *sal- 'sal, auga estancada' como a raíz *ap- 'auga, río' están razonablemente representadas na nosa toponimia (así por exemplo Seaia <*Sel-awia, Salime <*Sal-l-ime).
A evolución de *Salappya para Zaipa non presentaría problemas, incluíndo a evolución s- > z-, que aconteceu en moitos outros casos (zaramago, zugar, ..).

Afortunadamente, atopamos en Barreiros un "Zapia", e ao rente del "A Veiga de Zapia", que parecen aliñarse coa hipótese indicada. Neste caso, Zapia preservou o ditongo de -apia sen metáteses,  o cal é relativamente común naquela zona.

Estaría relacionado coa antiga cidade de Salapia, na Puglia italiana. Esta "Salapia" foi xa citada por Pokorny e interpretada do mesmo modo.

É interesante o topónimo "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que xunto á forma -apia, esta vez tén o elemento "Sar-", tamén frecuente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.  Están, por tanto, estreitamente relacionados, e explícanse mutuamente.

Reforzando esta hipótese, atopamos tamén atestado "Salappio" en Italia, totalmente correspondente coa orixe postulada para "Zaipa", apenas mudando o xénero.

En resumo, a derivación de *Salappya,encaixa tanto fonética como semanticamente, e é coherente e aliñado con outras ocorrencias similares. 

Outros Topónimos similares

É interesante tamén notar o topónimo "Zapicos" na Rigueira (Xove), que corresponde a unha zona de prados, non ben lonxe do comentado "Zapia" en Barreiros (porén, neste caso podería indicar unha pertencente a unha familia apelidada Zapico).

Tamén é importante reparar na existencia de "A Zalaroia", un núcleo de poboación na parroquia de Momán. No caso de Zalaroia tamén podemos aventurar unha orixe en *sal-l-ar-owia, composto que incluiría a mesma raíz *sal-, xunto con "*aroia", que viría tamén dun elemento hidronímico paeloeuropeo, neste caso *ar-u-, estudado por Bascuas (cf. p. 4de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Neste caso, dáse unha xeminación do "-l-", o que non ocorre no supradito "Zaipa".