venres, 3 de maio de 2013

ARGANZO e ARGONTE

ARGANZO e ARGONTE son dous topónimos moi interesantes, tanto pola súa antiguidade como polas coincidencias que teñen.

Arganzo

ARGANZO é un topónimo referente a un núcleo de poboación existente nas Grañas do Sor (entre outros). Existe tamén o río Arganzo, descoñecemos cal deles foi o primeiro. 

Arganzo crese que derivaría dun *Argantio, e sería de orixe paleoeuropea, tanto a raíz indoeuropea *arg- ("brillante", emparentada co céltico argant-),  como o sufixo adxetival "-ant-io". Poderíase, por tanto, aventurar para Arganzo un significado do estilo "terreo que brilla".  Cfr. aqui.

Hai tamén topónimos probablemente relacionados, como o río Arganza (Narcea), Arganza (León), Aranza (Baralla, Soutomaior, etc), Arancedo e Arancés (Asturias), Arlanza, Barbanza, Carranza, etc. Cfr. aquí

Argonte

Por outra banda, tamén existen varios topónimos "Argonte", así e.g. un agro no Vicedo e un lugar en Carral (A Coruña), de novo coa raíz *arg- e máis o sufixo -ant-.

Está documentado no Tombo de Sobrado en 955 (cfr. aquí) un  "villa Argonti". Isto parece indicar que "Argonte" correspondería cun xentilicio en xenitivo, dun Argontu ou Argontiu, forma antiga que tería unha evolución a "Arganzo".

Así e todo, Argonti tamén era un nome de muller. Así, é citada unha "Domina Argonti" nun documento do 998.  Outro exemplo dáse en Villaoril, Navia, cunha inscripción do ano 926 nunha pedra sepulcral, dunha monxa de nome "Argonti" : «Hobit famula dei aragonti confessa pridie klos apriles era DCCCCLXI». Hai outros exemplos de nome "Argonti" en feminino, tamén fóra da área galaica. Cfr. aquí.

Argonde, Argunde

Nótese que, pese á similaridade, os anteriores topónimos non necesariamente teñen relación directa coas formas similares en "-nde", como "Argonde" (un en Lugo, e varios en Portugal), así como "Argunde" en Pontevedra, xa documentado con este nome en 1457. Estas parecen derivar dun nome xermánico terminado en "gunth-", que en xeral evoluciona en galego para "gund-", non en "gunt".

Ningún comentario:

Publicar un comentario