domingo, 7 de abril de 2013

Pena da CATAVERNA e CATARIZA: posibles etimoloxías

Pena da Cataverna, ao fondo
A Pena da CATAVERNA está localizada no concello do Vicedo, no cordal que separa as parroquias das Negradas e do Vicedo (ver aquí localizacion).

Como topónimos posiblemente relacionados, existen varios Catabois, así como Catasol en Bares, CatasoisCatapeixe, Catarou, Catallo, etc. 

Podería ter orixe común tamén con  A GATARIZA, tamén chamado "A CATARIZA", tamén noutro lugar alto, a 1 km aproximadamente da Cataverna.


1) Alternativa prelatina

Significaría algo como "cima do monte por riba dos ameneiros" ou "cima do monte por riba do río".

O elemento "cata-" viría de *kat(t)-,  das bases alternantes kat(t)-, kot(t)-, para as que Rivas Quintas indica un significado de "punta, muñón, prominencia". Cf. E. Rivas Quintas, "Lingua galega, niveis primitivos", 1994

En canto ao segundo elemento ("verna") , podería identificarse coa raíz indoeuropea *awer- "auga, río, chuvia" (Pokorny IEW 78-81). De feito, dela procede o termo *uernā "ameneiro", que pervive como verna no catalán, occitano e piemontés, verne, vergne no francés, gwern no bretón, etc. Este tema léxico parece ser abondoso na toponimia galega, como o medieval Vernesga (nome dun afluente do río Ferreira actualmente "Río de Perros"), "Bernesga" (nome dun afluente do río Esla). Cf. web: P. Martínez Lema. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens ". 2012.
Entre os topónimos actuais galegos relacionados, posiblemente estaría "Bernés" (en Neda nas Somozas) e Vernes (Carballo) ... sen esquecer "O Prado de Bernedo", en Pedrafita. Este topónimo, cuxa grafía correcta sería "Vernedo", co sufixo abundancial -edo, indicaría "lugar onde abundan os Vernos", do mesmo que "toxedo", "biduedo", etc.

Por tanto, se a relacionamos con uerno, "Cataverna" significaría "terras en encosta, por riba dos ameneiros". Alternativamente, se o relacionamos directamente con *awer-n-  levaríanos a algo como "cima do monte riba do esteiro", o cal é certo.

2) Alternativa latina

O termo latino captare relaciónase co atual "observar", daí  a (improbable) hipótese de derivar de *capta averna. 'observa o inferno' (?!). Tamén hai quen os relaciona co latín tardío e medieval captare  'cazar', aínda que somente encaixan algúns topónimos.

Encaixarían "Catabois" (Catabueyes no Bierzo) 'punto de onde se observan os bois'. Encaixa tamén, talvez, Catalobos  (Valladolid), Catapeixe (Pontevedra), e Catasol (Bares, Pontevedra). No caso de "Catasol", posiblemente non teña que ver co astro "sol" senón con Sauli, ou incluso con Saure (antigo nome do río Sor). Tampouco parecen encaixar con este significado  Catarou, Catarón,  Cataúde,  Catallo, nin tampouco CatasueiroCatarufe. Tampouco encaixa o "Alto de Catapreiro", orixinado sobre "Cata-pedreiro",  difícil que se tratase de "observar pedreiros" ou de "cazar pedreiros".

3) Outra alternativa 

Na Toscana hai os termos  "cataverna" e "calaverna", como sinónimo de "caverna". Porén, neste caso non cremos que haxa/houbese cova algunha (cf. aquí).



Ningún comentario:

Publicar un comentario