domingo, 7 de abril de 2013

Punta de PREGUNTOIRO (SAN FIZ, MAÑÓN)


PREGUNTOIRO é unha pequena "punta" (península) trazada polos meandros do río Sor, na parroquia de San Fiz, Mañón. Nesta punta acredítase a antiga existencia dun castro, do que parece ficar aínda vestixios.

É interesante observar a frecuencia deste topónimo en Galiza, moitas veces en topografías relacionadas con "promontorios":
  • En San Miguel de Reinante,  "Preguntoiro"
  • En Sanxenxo outro "Preguntoiro", tamén nunha pequena península. 
  • "O Preguntouro", unha península en Beluso (Bueu).
  • "A Chan do Preguntouro", en Donón, Cangas. Neste sítio, un rechán á beira dun promontorio mariño, tería habido un asentamento do Calcolítico. Cfr. aquí.
  • Praia de Preguntoiro en Vilaxoán.
  • Rúa do Preguntoiro en Santiago.
  • Os Preguntoiros, nunha encosta no concello da Capela.
  • Talvez tamén relacionado, existe tamén un "Preguntadoiro" nas Pontes,  lonxe da costa.
Algúns dos topónimos mencionados xa están rexistrados coa forma "Perguntoiro" desde moi antigo. O "Preguntoiro" de Santiago é rexistrado co nomes "Precuntorio" en 1149, "Preguntorio" en 1215 e 1260,  "Priguntorio" en 1233 (cfr. aquí).  En  1261 rexístrase un "Preguntoyro" doado ao bispado de Mondoñedo, talvez o de S Miguel de Reinante.

A orixe do topónimo podería ser "promontoiro" (do latín promontorium) e ter evoluído por "etimoloxia popular". Así, existe un "Punta Promontoiro" en Cedeira e outra na Cabana (Ferrol). No entanto, é pouco probable a coincidencia da mesma deturpación en tantos "preguntoiro"e que xa na Idade Media tivesen derivado todos eles para "perguntoiro". Poderíamos pensar nunha orixe nun hipotético *percuntorium, aínda que non hai rexistros e parece que debemos rexeitar.

Non atopondo orixe latina, talvez debamos procurar unha orixe prerromana. Neste senso, é interesante reparar nun "Preguntoño" existente en Arzúa, cun sufixo "-oño", moitas veces asociado a topónimos prerromanos. Porén, este "Preguntoño" fica nun lugar lonxe da costa, nun sitio relativamente chao,  sen ningún "promontorio", a aproximadamente un quilómetro dun "Castro". Cfr. aquí.

Por esta vía prerrom
ana podemos, dentro das moitas posibilidades, aventurar unha orixe en *per-kant-aurio, formado pola raíz indoeuropea *per- 'alén, diante de, por riba de, saliente',  xunto co elemento *kant- 'saliente, canto, curruncho', e finalmente o elemento -aurio (< *awr-yo), relativo a correntes de auga, da raíz indoeuropea *awr-
Deste xeito, chegaríamos a un significado do estilo de "saliente que se mete na auga", que parece encaixar ben cos topónimos indicados. A evolución para *priguntorio, xa nunha época antiga, tería ocorrido pola atracción do termo latino percontare ou similar.
Esta hipótese é atractiva e, polo de agora, a que mellor encaixa, aínda que non deixa de ser unha mera hipótese.

----------

Tempo despois de ter escrito este post, atopo documentado un "Farum Precantium", referido á famosa Brigantia, que parece confirmarnos a hipótese de *Precantaurio (Pre-kant-awr-yo) > Preguntoiro:
... ecclesiam uocabulo Sancte Eolalie qui est iuxta farum Precantium que mihi incartarunt Frorentius presbiter, et nuncupant eam Carolio, et ecclesiam sancte Marie que iam desuper est exarata (Tombo Sobrado, 966)




3 comentarios:

  1. Olá, Xosé. Moi interessante o de Preguntoiro. Em Santiago existe a rua do Preguntoiro, para a que eu lera como hipótese etimológica "lugar onde se leem os pregons"... Más o certo é que a rua vai polo alto da lombinha que hai sobre da Catedral "Rua do *Promontoiro" > "Rua do Preguntoiro" por etimologia popular? Soa bem...

    Saúdas e parabéns :-)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas. Porén, para sermos prudentes, o caso das Pontes, co nome "Preguntadoiro", xa moi lonxe de "Promontoiro", deixame dúbidas a respeito de se realmente houbo tal salto evolutivo. Estaría bon ter documentacion antiga para ver o proceso evolutivo de "Preguntadoiro" nas Pontes.
      Saúdos.

      Eliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar