sábado, 9 de novembro de 2013

O Balearte e os vascos


O topónimo "O Balearte" designa un illote na costa de Bares, no concello de Mañón. É un topónimo interesante pola súa especial morfoloxía: apenas se encontran poucos máis -arte na toponimia galega, alén de un Duarte e moitos Alemparte, que teñen explicación clara.

Para Balearte, podemos aventurar unha orixe un tanto extraña pero explicable: do vasco balearte, cun significado de 'entre as baleas'. Morfolóxica e semánticamente non ofrece problemas: o apelativo balea ten o mesmo significado en vasco que en galego. A terminación -arte, é a mesma que en topónimos como Mugarte 'terreo entre dous terrapléns' ou Lasarte 'terreo entre arroios'.

O significado de "entre baleas" encaixa ben, tendo en conta que Balearte é un illote, nunha costa na que abundaba no pasado a pesca da balea, e que esta pesca da balea foi iniciada na Idade Media polos vascos, que estableceron bases para esta actividade en todo o Cantábrico, incluíndo o porto de Bares.

Xa  desde 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII.
De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois, Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.
Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550 constátase en San Cibrao, Bares, etc, actividade baleeira local. 
A finais do século XVI os galegos tiñan desprazado totalmente ós baleeiros vascos.
Cf. aquí.


Tería, por tanto, unha orixe medieval, posiblemente dos séculos XV ou XVI.

Porén, tampouco se pode desbotar a procedencia do apelativo "baluarte", quer pola forma do illote ou por un significado metafórico de "amparo, defensa", tal como ocorre en varios topónimos "Baluarte" que atopamos en Cospeito, en Cambre, en San Sadurniño e en Ferrol.


luns, 1 de xullo de 2013

Regos do Aro e Arovello

Nas comarcas da Mariña e do Ortegal, encontrámonos con certa frecuencia co topónimo "Aro", en particular "Rego do Aro". Así o encontramos en  San Román (O Vicedo), en Viveiro, en Ourol, en Muras e no Valadouro. Tamén atopamos topónimos relacionados como "A costa do Aro" en Cedeira e "Arovello" en Mañón.


Probable orixe prerromana

Tendo en conta os múltiples "rego de Aro", e unha vez descartadas outras opcións (ver seguintes parágrafos),  lévanos a asociar este topónimo "Aro" cun tema da hidronimia prerromana , en concreto co tema puro *ar-, de orixe paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse', e amplamente estudado por E. Bascuas (cf. E. Bascuas p. 24 e ss. de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

É interesante reparar no río "Guadiaro", en Andalucía, cun significado de "río Aro", derivado dun "wādī Āru", do árabe wad 'río'  máis un "aro" moi probablemente paleoeuropeo, coa orixe no tema *ar- indicado (ver nota1).

E. Rivas Quintas rexistra "aro" coa acepción antiga de "campo, vale pequeno" en Marín, e coa acepción aínda actual de "agra, polígono de cultivos" en Negradas (cf. aquí). É importante notar que o paso dun sentido hidronímico para o de "agro" é doado, tal como explica E. Bascuas (cf. Bascuas, ibidem).

No caso do topónio "Arovello", podemos interpretar "vello" co significado romance de "antigo", ou, dado que nos atopamos na presencia dun hidronimo, poderíamos aventurar para "-vello" unha orixe na raíz indoeuropea *wel-   'facer xirar', presente noutros topónimos como "Ulla" ou "Veleia" (cf. Bascuas, ibidem). Alternativamente, podería vir do céltico *belio, do indoeuropeo *bhel, "brillante".

Outras hipóteses de orixe prerromana

Cremos descartábel a orixe na forma indoeuropea *an(n)-,  moi produtiva no Noroeste peninsular na creación de derivados léxicos e toponímicos de contido hidronímico (así, "Ares", na Coruña, a partir de Anaris e  Ombre, Pontedeume, de Anobre. Cfp. 805 aquí) e estudada por Bascuas, que vincula ese tema *an(n)- co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’
O feito de descartar esta hipótese é por haber topónimos similares fóra do ámbito galego-portugués, fóra da área de caída do -n- intervocálico: así temos "Río del Aro" (Limpias) e Aro (Laredo), así como "El Aranzal" (Castro-Urdiales), e "Guadiaro" (< wadi Aro), para os que, obviamente, non encaixa unha orixe na raíz *an-.

Así mesmo, cremos improbábel que o topónimo "Aro"  derive da tamén raíz indoeuropea *arg- 'brillante', xa que non observamos casos de simplificación do conxunto -rg- para -r- . Se estivermos equivocados, "Arovello" viría de *Argobelio, coa raíz *arg- "brillante" e a raíz *belio, do indoeuropeo *bhel, "brillante". Este parece tamén ser o caso do topónimo leonés "Agroviejo", referente a un lugar situado ao pé dun arroio, nun estreito val rodeado de alturas escarpadas. Cf. aquí.
Porén, nesta hipótese non resulta probábel a perda do "g" e,  de feito, temos o topónimo "Arganzo" no mesmo concello, que non perdeu o "g".


Outras hipóteses descartadas

O termo "aro" podería derivar de "agro", así sería *"Rego do Agro". Esta redución agro>aro non sería extraña, e ademais encaixaría en parte dos casos que mencionamos. No entanto, non encaixa en outros  topónimos "Aro" que se atopan en zonas de pedregais.  Alén diso, o termo "agro" semella pouco específico, excesivamente xenérico como para que caracterizase con frecuencia un rego ou río.

Unha hipótese alternativa sería explicalo a partir de "adro"; esta   redución adro>aro tampouco sería extraña, de feito ocorre noutros topónimos similares. Así, indicaría a antiga existencia dunha capela na zona en cuestión. Isto talvez encaixaría no caso de "Arovello",  e en xeral nos casos de "aro" correspondentes con entidades de poboación (aínda que non se coñeza a antiga existencia de ningunha ermida alí), ou no "Rego de Aro" de Viveiro ... pero non sempre os "aros" indicados están en zonas poboadas, senón maiormente en zonas deshabitadas, co cal esta hipótese tampouco parece probábel.
Tamén podería vir do significado de "asa" ou "arandela". Isto talvez encaixaría como topónimo anecdótico nalgún caso illado, aínda que non coa frecuencia en que ocorre. Outro significado recollido polos dicionarios é o de "planta da familia das aráceas, cunha folla similar á do tabaco", do cal tampouco parece que esta poida ser a orixe nun topónimo tan relativamente frecuente.

------

(*)Nota1: a respecto do río "Guadiaro", hai quen deriva "Aro" do semítico hrs 'ouro' (cf. pp. 295-299 de  J. A. Correa "El hidrónimo Guadiaro" en "Acta Palaeohispanica 13" . 2013"). Porén, non vemos ningunha razón para rexeitar unha orixe paleoeuropea, a mesma que tiña Barbesula, o outro nome deste mesmo río en latín. Semella máis coherente esta hipótese paleoeuropea para ambos nomes, en vez de ir á procura dunha interpretación fenicia nun caso e paleoeuropea no outro.


mércores, 26 de xuño de 2013

Francos, O Franco, Francelos, Franza, Pena de Francia

O topónimo "Francos", bastante frecuente en Galicia e noutras zonas peninsulares.
Algún deles é extraordinariamente antigo, así xa no ano hai atestado un "Villam de Francos" no século VI (cf. "Documentos do Tombo Vello de Lugo", in Estudios Mindonienses", núm 27, 2011), ou sexa, na época sueva, moito antes por tanto nese caso das repoboacións da Reconquista).
O topónimo é interpretado, segundo o caso e o autor, en base a tres hipóteses principais:

1)  Inmigrantes francos na Idade Media, o termo "franco" indicaba "forasteiro", non específicamente da Galia, senón en xeral "alén dos Pirineos". Chegaban convocados en moitas ocasións polos monarcas ante a escasez de habitantes do norte peninsular para repoboar as terras tomadas aos musulmáns durante a "Reconquista".
O exemplo supradito do século VI non encaixa, obviamente, neste caso.

2) territorios (ou vilas de) francos: vilas ou territorios con franquicias, privilexos e exencións fiscais que recibiron os seus poboadores. Orixinariamente viría de privilexios dados a poboadores "francos" (de alén dos Pirineos) para fomentar o seu establecimento nas zonas conquistadas aos musulmáns, como ocorre no caso da "Villafranca" navarra, para o cal se conservan documentos (foros) indicando tais privilexios.
O exemplo supradito do século VI tampouco encaixa, obviamente, neste caso.

3) terreos ou montes francos,  "mancomunais", de "propiedade colectiva". Por veces á beira dalgúns ríos, e que están a campo para a libre circulación e para o pastoreo do gado. Un exemplo, fóra de Galiza, dáse no País Basco, onde existen os "Montes de francos".
O exemplo supradito do século VI tampouco encaixa, obviamente, neste caso.

As tres hipóteses están documentadas, quer directamente en Galiza ou noutras zonas do Norte peninsular.

É importante remarcar a existencia de dous "Vilar de Francos", que polo menos, para eses dous casos, parecen rexeitar o terceiro significado, de "mancomunais". Estes dous topónimos están localizados un na parroquia de Artes,  Carballo (A Coruña), e outro na parroquia de "Francos", en Baralla (Lugo).

"Francos" no senso de "poboadores provintes de alén dos Pirineos".

Francisco Marsá indica que no xigantesco trasego de pobos que interviron nas diferentes fases da Reconquista, os emigrantes de alén dos Pirineos eran coñecidos xenericamente como «francos», e convocados en moitas ocasións polos monarcas ante a falta de cristiáns do norte peninsular para repoboar as terras tomadas aos musulmáns. A presenza deste colectivo, representado polo topónimo "franco", é notábel nas provincias de Burgos, Cáceres, Coimbra, A Coruña, Lugo, Oviedo e Porto (cf. Francisco Marsá, «Toponimia de Reconquista», Enciclopedia Lingüística Hispánica, Madrid, 1960, p. 635.) especialmente no período comprendido entre 1055 e 1212 segundo García de Cortázar (J. A. García de Cortázar, Barcelona, 2004, «Resistencia frente al Islam, reconquista y repoblación en los reinos hispanocristianos», Historia de la Lengua Española, coordinación de Rafael Cano, p. 251.)
No entanto, Marsá, para o caso de Cataluña, suliña as tres acepcións do termo "franco": "de orixe alén dos Pirineos", "extranxeiro en xeral", e "libre, exento", este último significado a partires do século X xa rexistrado en Cataluña (cf. Francisco Marsá, «Toponimia de Reconquista», Enciclopedia Lingüística Hispánica, Madrid, 1960, p. 125-126.)

Reforzando a primeira hipótese, indicar que existen tamén "Franza" (e.g. en Xove) e "Francia" (e.g. en Ortigueira), así como varias "Pena de Francia", alén do topónimo Francelos (Ourense, xa rexistrado como Francellos en 993).
O apelido "Francos", de feito, abonda en Galiza e en Asturias, especialmente na provincia da Coruña. Cf. aquí.

Insistimos, porén, que o exemplo supradito do século VI (pre-reconquista) non encaixa, obviamente, neste caso.

"Francos" como "libres, exentos"

O orixinal "Foro de  Jaca" era un "foro de francos", sendo o seu propósito atraer poboación de alén dos Pirineos para unha localidade , mediante a garantía da súa liberdade e da súa consideración en plano de igualdade cos cabaleiros, así como mediante a protección da propiedade privada e a facilidade da súa adquisición. Este termo, "franco", confúndese xa na súa mesma orixe etimolóxica cun senso xurídico de "libre" ou "exento", xa que este é o significado último da palabra xermánica frank da que deriva. Ademais, no caso dos reinos de Aragón e Navarra, os dereitos e liberdades das vilas francas fóronse estendendo tamén aos poboadores autóctonos que acodiron a poboalas e que pasaban a ser tratados como francos.
Insistimos, novamente, que o exemplo supradito do século VI (pre-reconquista) non encaixa, obviamente, neste caso.

venres, 3 de maio de 2013

ARGANZO e ARGONTE

ARGANZO e ARGONTE son dous topónimos moi interesantes, tanto pola súa antiguidade como polas coincidencias que teñen.

Arganzo

ARGANZO é un topónimo referente a un núcleo de poboación existente nas Grañas do Sor (entre outros). Existe tamén o río Arganzo, descoñecemos cal deles foi o primeiro. 

Arganzo crese que derivaría dun *Argantio, e sería de orixe paleoeuropea, tanto a raíz indoeuropea *arg- ("brillante", emparentada co céltico argant-),  como o sufixo adxetival "-ant-io". Poderíase, por tanto, aventurar para Arganzo un significado do estilo "terreo que brilla".  Cfr. aqui.

Hai tamén topónimos probablemente relacionados, como o río Arganza (Narcea), Arganza (León), Aranza (Baralla, Soutomaior, etc), Arancedo e Arancés (Asturias), Arlanza, Barbanza, Carranza, etc. Cfr. aquí

Argonte

Por outra banda, tamén existen varios topónimos "Argonte", así e.g. un agro no Vicedo e un lugar en Carral (A Coruña), de novo coa raíz *arg- e máis o sufixo -ant-.

Está documentado no Tombo de Sobrado en 955 (cfr. aquí) un  "villa Argonti". Isto parece indicar que "Argonte" correspondería cun xentilicio en xenitivo, dun Argontu ou Argontiu, forma antiga que tería unha evolución a "Arganzo".

Así e todo, Argonti tamén era un nome de muller. Así, é citada unha "Domina Argonti" nun documento do 998.  Outro exemplo dáse en Villaoril, Navia, cunha inscripción do ano 926 nunha pedra sepulcral, dunha monxa de nome "Argonti" : «Hobit famula dei aragonti confessa pridie klos apriles era DCCCCLXI». Hai outros exemplos de nome "Argonti" en feminino, tamén fóra da área galaica. Cfr. aquí.

Argonde, Argunde

Nótese que, pese á similaridade, os anteriores topónimos non necesariamente teñen relación directa coas formas similares en "-nde", como "Argonde" (un en Lugo, e varios en Portugal), así como "Argunde" en Pontevedra, xa documentado con este nome en 1457. Estas parecen derivar dun nome xermánico terminado en "gunth-", que en xeral evoluciona en galego para "gund-", non en "gunt".

sábado, 27 de abril de 2013

E se Mogor NON viñese de Monachorum ?


Existen dous "MOGOR" moi coñecidos: un no concello de Mañón e outro no de Marín, Pontevedra, onde os "labirintos". Porén, non son os únicos existentes, e se facemos a análise de todos eles podemos extraer
algunhas conclusións de interés.

Hipótese latina
Do "Mogor" de Mañón consérvanse varios documentos medievais :
  • Nun documento de 912 é citado, en latín, como" .. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt .."
  • Nun documento de 1156 é citado "et cautum de Moogorum et de Uaris "
  • Ese documento é reproducido en varias ocasións posteriores, como en 1194  "cautum de Moagorum & de Baris" (cf. E. Florez "España Sagrada"). 
En vista dos supraditos documentos, semella unha evolución usualvía a perda do -n- intervocálico, dun étimo Monachorum, xenitivo plural de monachum  "monxe". Ou sexa, "cautum Moagorum" sería o "couto dos monxes", sendo un dos poucos exemplos desta conservación da terminación do caso xenitivo plural -orum. Corominas incluso apunta o caso de Manacor (Baleares) como outro topónimo desta orixe.

Ademais, en Mogor de Mañón  hai un pequeno convento actualmente (incluso hai unha "fonte da frádiga", ver aquí).


Logo ... todo claro? Coidamos que non, por varias razóns:
1) Semella moi raro que apenas se preserve para estes topónimos a orixe nun xenitivo plural latino -orum . Cal sería a razón para non existiren máis topónimos relacionados, tendo en conta a abundancia de conventos existentes, así como de leiras, fragas e montes pertencentes a tales conventos ?. Cal sería a razón para  conservar o  xenitivo plural latino somente neste caso e non noutros tipos de posuidores?.
2) Todos os Mogor están situados na costa, non somente os dous anteriores senón os outros tres, non é isto moita casualidade?
3) Moitos dos "Mogor" están localizados en sitios improbables para un convento ou irrelevantes para seren referidos como propiedade dun convento:
  • Á procura de máis Mogor, atopamos "O Mogor de Fóra" e "O Mogor de Terra" en Pantín, Valdoviño. Son dous accidentes costeiros, dous cantís. É moi improbable que houbese un convento alí, nun sitio a rentes do mar, nuns "escollos". Nestes dous topónimos, a presenza do artigo é estremadamente relevante, e dános a indicar un antigo uso de "mogor" como apelativo, desbotando a posibilidade de seren xenitivo plural.
  • Existe a "Punta de Mogor" en Pontevedra.
  • Existe outro Mogor en Sebardes (cf. aquí)


Visto o anterior, semea improbable a orixe en "monachorum", e parece que os rexistros do topónimo tanto  Monacorum como Moagorum poden ter sido simplemente unha errónea latinización do nome real, dun *monagor, ou incluso de *mougor. O escriba, como ocorreu en tantos casos documentados, rexistrou "monachorum" en base a unha falsa interpretación do termo ("interpretatio latina").


Hipóteses prelatinas
Unha hipótese alternativa sería a de topónimo prerromano, relativo a lugar alto ou cantil rochoso.
Topónimos aparentemente relacionados, tanto no significante como no significado, serían os topónimos "Os Mogotes da Gabeira", en Cedeira e en "Os Mogotes dos Aguillós", en Cariño (obviamente), que corresponden a pequenos cantís costeiros, en illotes. 

Cabeza Quiles propón unha base *mok- ou *muk-, "prominencia, altura" e sobre ela explica os dous Mogor galegos máis coñecidos. A vila de Mugardos tamén, talvez, podería ter unha raíz similar (non contrastado). 
Porén, parece improbable que o escriba escribise Monacorum sendo a pronuncia "Mogor", e levase a "interpretatio latina" tan lonxe incluíndo un -n- inexistente. Ademais, a forma rexistrada supradita "moagorum" parece confirmar unha queda de consoante intermedia, posiblemente un -n-.
Como topónimos talvez relacionados podemos citar tamén "Magoira" en Cedeira, e hai un "Penamacor" (tamén transcrito na Idade Media como "Penamocor"). Está tamén o topónimo Magazos, tanto o de Viveiro como o de Ávila. Hai tamén Punta Mogarón, en Faro (Viveiro), e un coído en Nois (Foz) chamado "O Mógaro". É verdade que nestes casos poden estar relacionados co peixe "mógaro" (tamén chamado "zátaro", ambos co sufixo celto-latino -aro), tal vez nome de orixe común coa "maragota" e co vasco mogarra. Talvez o nome do peixe estea relacionado co significado de "mogor", sendo un peixe de rocha.

Orixe pre-indoeuropea tamén é asignada ao termo sardo mògoro "mota, altura, colina baixa", que segundo Pallottino encontra significado semellante no albanés magul e no derivado en romeno magura ("colina isolada; bosque en sitio alto"), termos tamén de orixe pre-indoeuropeaDe raíz similar explícase o vasco mokorr ("mota")Cf. aquí

Como comentamos xa, semella improbable unha orixe en *mok- sendo que se rexistra monacorum, é improbábel que o escriba "latinizador" incluíse unha sílaba -na- inexistente, o cal parece confirmarse coa forma supradita "moagorum". Por tanto, 
cremos que é preciso procurar unha raíz prelatina distinta a *mok-
Tendo en conta o anterior, e observada a situación dos  topónimos "Mogor" e "Mogotes", cremos probable unha orixe prerromana, na forma indoeuropea *men- ‘elevarse’, presente en linguas celtas (e.g. córn. meneth, bret. menez ‘monte’, dunha protoforma *mony-yo). O subseguinte elemento -cor tamén abonda en topónimos prelatinos (porén, tampouco podemos desbotar a priori a presenza do elemento hidronímico indoeuropeo *or).

En resumo,  analizado a fondo, todo parece indicar que "Mogor" non ten nada que ver cos monxes, e que o escriba latinizou o termo para "Monachorum" erróneamente, o mesmo que ocorre en outros múltiples casos. "Mogor" é, sen apenas dúbida, un topónimo de orixe prerromana, posiblemente relacionado con elevacións our rochedos costeiros.



xoves, 25 de abril de 2013

MALADAS, A MALATA, O MALATO, OS MALATES, MALATE


Estes topónimos teñen unha alta frecuencia na toponimia galega, e cremos teñen unha orixe múltiple, posiblemente tres orixes distintas segundo o caso.

Os topónimos "Malado",  "Malados", poderían significar colono, home libre que traballaba en terra allea. Os correspondentes en feminino ("Malada") e plural ("Maladas") virían de "terra malada", "terra alugada a colonos".
Na Idade Media, os colonos eran tamén chamados "malados" (cf. aquí) En el año de 1056 hubo un juicio en Galicia, por el cual puede deducirse el grande interés que se tomaban los patronos por las personas que tenían bajo su encomienda y protección. Un malado (mallatas) del conde D. Sancho, llamado Tedón, fué un domingo á Villamortaria, cerca del río Arnoya. Habiéndose embriagado, riñó con un siervo ó adscripto del monasterio de Celanova ...

A. Boullón indica o alcume "Malada" atestado en 1165, e indica tamén o significado análogo de 'individuo que está en situación de dependencia con respecto a outro', tal como indica D. Kremer (cf. p.293 de A. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

O termo "malado" tamén se rexistra no portugués con este significado, así como co de "maladia" (=lugar de malados). Cf. aquí.

Por outro lado, os termos "Malato", "Malate", "Malata", aínda que similar fonética, están relacionados, polo menos nalgúns casos, coa"malatía"  ("lepra"). Así se recolle no dicionario e tamén, para "Cruz do Malate" (Grañas do Sor).

Ademais das dúas acepcións anteriores, hai unha terceira, con tanto peso como as anteriores, que é a de teren unha orixe prerromana,  da raíz indoeuropea *mel 'aparecer, emerxer'. Esta é a hipótese, por exemplo, de F. Villar e B. Prósper (cf. p. 57 de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas"). Esta hipótese é bastante consistente, se temos en conta que encaixa coa morfoloxía requerida. En particular, revisando a toponimia galega, parece confirmarse coa existencia de moitas das combinacións típicas que se dan na hidronimia paleoeuropea, así temos os topónimos "Malante" (Illas Sisargas), co recorrente sufixo -nt-, "Malaña"  con -aña (< *-a-n-ya), "Maluro", "Mallón"(<*Mal-yo-one), etc.

Exemplos de topónimo con -d- están "Maladas" en Riobarba (O Vicedo) e en Covas (Viveiro), "Malados" na Barqueira, "couto de Malados" no concello de Cerdido.

Exemplos con -t- figuran "Os Malates" nas Negradas, en Foz ("Punta das Malates") e en Aranga,  e "Malate" nas Grañas do Sor e en Recemel (As Somozas); "As Malatas" existe tamén en moitos outros concellos galegos (Portocelo, Sumoas, Muras, Morás, Ourol), así como "Malato" en "Fraga do Malato"  en Muras, "A cova do Malato" (Grañas do Sor),  "A Malata" en Xuances,  na Capela, en Cedeira, en Doniños e en Serantes (Ferrol), "O Cal da Malata" en Bares.

En conclusión, talvez non sexa cuestión de elexirmos unha das tres interpretacións alternativas senón de elexir as tres: talvez a realidade sexa unha mestura das tres orixes: parece innegable a probabilidade da orixe prerromana, tanto morfolóxica como semánticamente soportada, e tamén parece evidenciada a orixe en ' enferm(o/a) de malattia' para outros casos. A de 'servos, colonos' está documentado como apelativo, e parece haber algunha en topónimo, como ocorre no caso do documentado "couto de Malados" no concello de Cerdido. Ese couto foi na Idade Media propiedade de Gómez Pérez das Mariñas. 


Río SOR - posibeis etimoloxias

A etimoloxía do topónimo Sor, como a da maioría dos demáis "ríos maiores", remóntanos á prehistoria.

A "Sor" élle asignada unha orixe prerromana, paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *ser-, cun significado de "fluxo, corrente" (cf. p. 40 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega")
Hai quen apunta unha orixe no proto-indoeuropeo *seu- ('virar' IEW: 2741) - relacionado co lituano siaũras (*seu-ro-) 'estreito'. 

A mención máis antiga é do ano 747, co nome SaureEís todas as mencións recollidas para o río Sor: 


"ripa Saure, sancte Marie de Saure" 747, "in Saure ecclesiam S. Marie" 897, "Ripa de Saur" 897, "Sauris" 916, "in Saure" 998, "aqua de Saur" 1092, 1099, "in face Saure" 1095, "usque in finem Sauri" 1103, "usque in Sauri" 1110, "ripa de Saur" 1120, 1160  "flumen Saurium" 1128, "S. Michael de Sauro" 1128, "inter ambos Souros, et per aquam de Sor" 1225, 1227; "entre ambolos Sores" 1305 (cf. Bascuas)

Tería por tanto evoluído: Saure > Saur > Sour > Sor, seguindo a evolución normal, incluíndo o paso /ou/>/o/ : cando o diptongo [ow] é trabado por una consonante homosilábica, esta tende a provocar a monoptongación (cf. P. Martínez Lema aquí).

Tamén se rexistra, e.g. en 1688, a transcrición "Sol", "Riveras del Sol", o cal pode apontar a unha vacilacion Sor/Sol na pronuncia (fenómeno común) ou ben descoñocemento do escriba ao asocialo a un nome similar coñecido (cf. aquí). 

Existe outro rio "Sor", afluente do rio Sorraia, en Portugal.

mércores, 24 de abril de 2013

domingo, 7 de abril de 2013

Punta de PREGUNTOIRO (SAN FIZ, MAÑÓN)


PREGUNTOIRO é unha pequena "punta" (península) trazada polos meandros do río Sor, na parroquia de San Fiz, Mañón. Nesta punta acredítase a antiga existencia dun castro, do que parece ficar aínda vestixios.

É interesante observar a frecuencia deste topónimo en Galiza, moitas veces en topografías relacionadas con "promontorios":
  • En San Miguel de Reinante,  "Preguntoiro"
  • En Sanxenxo outro "Preguntoiro", tamén nunha pequena península. 
  • "O Preguntouro", unha península en Beluso (Bueu).
  • "A Chan do Preguntouro", en Donón, Cangas. Neste sítio, un rechán á beira dun promontorio mariño, tería habido un asentamento do Calcolítico. Cfr. aquí.
  • Praia de Preguntoiro en Vilaxoán.
  • Rúa do Preguntoiro en Santiago.
  • Os Preguntoiros, nunha encosta no concello da Capela.
  • Talvez tamén relacionado, existe tamén un "Preguntadoiro" nas Pontes,  lonxe da costa.
Algúns dos topónimos mencionados xa están rexistrados coa forma "Perguntoiro" desde moi antigo. O "Preguntoiro" de Santiago é rexistrado co nomes "Precuntorio" en 1149, "Preguntorio" en 1215 e 1260,  "Priguntorio" en 1233 (cfr. aquí).  En  1261 rexístrase un "Preguntoyro" doado ao bispado de Mondoñedo, talvez o de S Miguel de Reinante.

A orixe do topónimo podería ser "promontoiro" (do latín promontorium) e ter evoluído por "etimoloxia popular". Así, existe un "Punta Promontoiro" en Cedeira e outra na Cabana (Ferrol). No entanto, é pouco probable a coincidencia da mesma deturpación en tantos "preguntoiro"e que xa na Idade Media tivesen derivado todos eles para "perguntoiro". Poderíamos pensar nunha orixe nun hipotético *percuntorium, aínda que non hai rexistros e parece que debemos rexeitar.

Non atopando orixe latina, podemos pensar nunha orixe prerromana. A existencia dun "Preguntoño" en Arzúa, cun sufixo "-oño" moitas veces asociado a topónimos prerromanos, reforza esta posibilidade de orixe prerromana. Este "Preguntoño" fica nun lugar lonxe da costa, nun sitio relativamente chao,  sen ningún "promontorio", a aproximadamente un quilómetro dun "Castro" (cf. aquí).

Por esta vía prerrom
ana podemos, dentro das moitas posibilidades, aventurar unha orixe en *per-kant-aurio, formado pola raíz indoeuropea *per- 'alén, diante de, por riba de, saliente',  xunto co elemento *kant- 'saliente, canto, curruncho', e finalmente o elemento -aurio (< *awr-yo), relativo a correntes de auga, da raíz indoeuropea *awr-
Deste xeito, chegaríamos a un significado do estilo de "saliente que se mete na auga", que parece encaixar ben cos topónimos indicados. A evolución para *priguntorio, xa nunha época antiga, tería ocorrido pola atracción do termo latino percontare ou similar.
Esta hipótese é atractiva e, polo de agora, a que mellor encaixa, aínda que non deixa de ser unha mera hipótese.

----------

Tempo despois de ter escrito este post, atopo documentado un "Farum Precantium", referido á famosa Brigantia, que parecería reforzar a hipótese de *Precantaurio (Pre-kant-awr-yo) > Preguntoiro:
... ecclesiam uocabulo Sancte Eolalie qui est iuxta farum Precantium que mihi incartarunt Frorentius presbiter, et nuncupant eam Carolio, et ecclesiam sancte Marie que iam desuper est exarata (Tombo Sobrado, 966). No entanto, pode tratarse dun falso latinismo.




Pena da CATAVERNA e CATARIZA: posibles etimoloxías

Pena da Cataverna, ao fondo
A Pena da CATAVERNA está localizada no concello do Vicedo, no cordal que separa as parroquias das Negradas e do Vicedo (ver aquí localizacion).

Como topónimos posiblemente relacionados, existen varios Catabois, así como Catasol en Bares, CatasoisCatapeixe, Catarou, Catallo, etc. 

Podería ter orixe común tamén con  A GATARIZA, tamén chamado "A CATARIZA", tamén noutro lugar alto, a 1 km aproximadamente da Cataverna.


1) Alternativa prelatina

Significaría algo como "cima do monte por riba dos ameneiros" ou "cima do monte por riba do río".

O elemento "cata-" viría de *kat(t)-,  das bases alternantes kat(t)-, kot(t)-, para as que Rivas Quintas indica un significado de "punta, muñón, prominencia". Cf. E. Rivas Quintas, "Lingua galega, niveis primitivos", 1994

En canto ao segundo elemento ("verna") , podería identificarse coa raíz indoeuropea *awer- "auga, río, chuvia" (Pokorny IEW 78-81). De feito, dela procede o termo *uernā "ameneiro", que pervive como verna no catalán, occitano e piemontés, verne, vergne no francés, gwern no bretón, etc. Este tema léxico parece ser abondoso na toponimia galega, como o medieval Vernesga (nome dun afluente do río Ferreira actualmente "Río de Perros"), "Bernesga" (nome dun afluente do río Esla). Cf. web: P. Martínez Lema. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens ". 2012.
Entre os topónimos actuais galegos relacionados, posiblemente estaría "Bernés" (en Neda nas Somozas) e Vernes (Carballo) ... sen esquecer "O Prado de Bernedo", en Pedrafita. Este topónimo, cuxa grafía correcta sería "Vernedo", co sufixo abundancial -edo, indicaría "lugar onde abundan os Vernos", do mesmo que "toxedo", "biduedo", etc.

Por tanto, se a relacionamos con uerno, "Cataverna" significaría "terras en encosta, por riba dos ameneiros". Alternativamente, se o relacionamos directamente con *awer-n-  levaríanos a algo como "cima do monte riba do esteiro", o cal é certo.

2) Alternativa latina

O termo latino captare relaciónase co atual "observar", daí  a (improbable) hipótese de derivar de *capta averna. 'observa o inferno' (?!). Tamén hai quen os relaciona co latín tardío e medieval captare  'cazar', aínda que somente encaixan algúns topónimos.

Encaixarían "Catabois" (Catabueyes no Bierzo) 'punto de onde se observan os bois'. Encaixa tamén, talvez, Catalobos  (Valladolid), Catapeixe (Pontevedra), e Catasol (Bares, Pontevedra). No caso de "Catasol", posiblemente non teña que ver co astro "sol" senón con Sauli, ou incluso con Saure (antigo nome do río Sor). Tampouco parecen encaixar con este significado  Catarou, Catarón,  Cataúde,  Catallo, nin tampouco CatasueiroCatarufe. Tampouco encaixa o "Alto de Catapreiro", orixinado sobre "Cata-pedreiro",  difícil que se tratase de "observar pedreiros" ou de "cazar pedreiros".

3) Outra alternativa 

Na Toscana hai os termos  "cataverna" e "calaverna", como sinónimo de "caverna". Porén, neste caso non cremos que haxa/houbese cova algunha (cf. aquí).